CHEGA O NADAL Á CIDADE DA CULTURA PARA TODOS
A Cidade da Cultura convida a vivir un Nadal diferente no alto do Gaiás coa programación especial que ten preparada do 19 de decembro ao 2 de xaneiro para gozar en familia.
Os máis pequenos da casa abrirán a programación deste Nadal no Gaiás o domingo 20 de decembro con Baboo experience, unha discoteca interactiva na que vivir unha experiencia visual e sonora única. Nenos de entre 1 e 5 anos poderán bailar, saltar e moverse libremente ao ritmo da selección musical de DJ GuGuGaGa e as proxeccións que porá en escena a VJ Mademoiselle Oui Oui. Baboo experience conta con tres pases de 40 minutos (ás 11:00, ás 12:00 e ás 13:00 horas).
Baile, degustacións e solidariedade
Para non perder o ritmo, a tarde do 26 de decembro será un velada especial na que a partir das 16:00 horas aprenderemos a mover o corpo a ritmo de Nadal swing. Cunha banda en directo coa que practicar os pasos, exhibicións a cargo de bailaríns profesionais e un recuncho no que poder caracterizarse con diferentes accesorios e converterse, así, no rei da pista. A música combinarase co humor o 29 de decembro cunha Merenda de Nadal con tres ingredientes: gastronomía, música e moita diversión. Grandes e pequenos asistirán ao primeiro día de taballo de tres peculiares personaxes no espectáculo Cocido sinfónico de Os Tres Tenedores, no que tres vagabundos se converten en cociñeiro, camareiro e xefe de cociña e nos amosarán a súa peculiar forma de elaborar un menú. Tras eles, o grupo de percusión Odaiko sorprenderá ao público ao converter calquera utensilio en música do máis virtuosa. E para facer redonda esta merenda, desde as 16 horas, os participantes poderán achegarse aos diferentes postos do Museo Centro Gaiás para facer unha degustación dos mellores produtos galegos.
A programación especial de Nadal finalizará o 2 de xaneiro cun clásico da Cidade da Cultura: o festival solidario Cancións por regalos. Da man de Ernie Producciones, os máis pequenos achegaranse ao mellor do pop actual a cambio dunha entrada simbólica: un regalo, que unha ONG se encargará de repartir o día de Reis entre os que máis o necesiten.
Nadal no Gaiás compleméntase coa programación das actividades didácticas Findes na balea, que durante os sábados e domingos de decembro e xaneiro seguirán alternando un servizo de ludoteca (sábados) con obradorios fotográficos (domingo) nos que achegarse á exposición José Suárez. Uns ollos vivos que pensan e converterse en artista por un día.
E ata o 22 de decembro, a Cidade da Cultura volve convocar o seu tradicional concurso de postais Imaxina o teu Nadal no Gaiás no que nenos de ata 9 anos terán que customizar a plantilla que este ano preparou a ilustradora Cinta Arribas para eles. O 26 de decembro daranse a coñecer os tres gañadores por categoría (de 0 a 5 anos e de 6 a 9 anos), que recibirán un agasallo e un pack de entradas familiar para asistir o 29 de decembro á Merenda de Nadal.
Imprimir
No hay comentarios:
Publicar un comentario